Instituto de la Mujer
Historia Compartir

A nosa historia

As orixes do Instituto

O recoñecemento de que as mulleres deben ter os mesmos dereitos e oportunidades que os homes para educarse, traballar, formar núcleos familiares e participar nas decisións políticas e económicas, é un feito social que se foi conquistando ao longo do século XX grazas ao desenvolvemento dos principios democráticos de xustiza, liberdade e igualdade e das demandas das propias mulleres.

A promulgación da Constitución española, o 6 de decembro de 1978, supuxo a afirmación legal da igualdade entre as mulleres e os homes e a non discriminación por razóns de raza, sexo ou relixión, e o seu recoñecemento como principios inspiradores do ordenamento xurídico do noso país.

Non obstante, a práctica evidenciaba que, para que as mulleres accedesen á igualdade de oportunidades, non era suficiente cos cambios de leis. Era preciso cambiar as actitudes e comportamentos, as formas de vida e as estruturas sociais que son unha barreira para o pleno desenvolvemento das mulleres como persoas con dereito a participar activamente na cultura, no traballo e na política dun país.

Conscientes desta necesidade, un grupo de mulleres progresistas e feministas impulsou a creación dun organismo dentro da Administración española, semellante ao que existía noutros países de Europa e do mundo, responsable de elaborar políticas de igualdade, de propoñelas ao Goberno e de coordinar as accións dos distintos ministerios neste ámbito.

Esta demanda deu como resultado a elaboración do proxecto de lei de creación do Instituto.

Nace o Instituto da Muller

Pola Lei 16/1983, do 24 de outubro, publicada no Boletín do Oficial do Estado o día 26 de outubro, creouse o Instituto da Muller como organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Cultura e coa finalidade primordial, en cumprimento e desenvolvemento dos principios constitucionais recollidos nos artigos 9.2 e 14, de promover e fomentar as condicións que posibiliten a igualdade social de ambos os sexos e a participación das mulleres na vida política, cultural, económica e social.

Establecéronse dúas liñas de actuación ben diferenciadas: a primeira, para impulsar a creación de servizos de información e de atención e o desenvolvemento de programas de formación ás mulleres. A segunda, dirixida ao fomento de actuacións para promover e coordinar políticas específicas dirixidas ás mulleres desde a Administración.

O traballo do Instituto centrouse, nos seus inicios, na realización de campañas de información sobre os dereitos das mulleres e na difusión dos cambios que se produciran no ordenamento xurídico, fundamentais para que as mulleres puidesen exercer e reivindicar eses dereitos que moitas aínda non coñecían. Tamén sacou á luz o problema dos malos tratos e realizou estudos sobre a situación das mulleres en España, cuxos resultados foron difundidos.

Esas accións logo se viron complementadas cunha importante actividade internacional, reforzada, sen dúbida, pola adhesión de España á Comunidade Europea.

A política institucional para a igualdade: os plans para a igualdade de oportunidades das mulleres

O nacemento do Instituto da Muller supuxo o comezo dunha política institucional para a igualdade de oportunidades que se concretou en sucesivos plans para a igualdade de oportunidades das mulleres (PIOM), encamiñados a eliminar as diferenzas por razón de sexo e a favorecer que as mulleres non fosen discriminadas na sociedade.

Os plans de igualdade significaron a creación dun marco referencial que sinalaba obxectivos para cumprir por parte de todos os axentes implicados, e que, polo tanto, esixía a realización dun seguimento durante o seu período de vixencia.

A partir dos informes de seguimento, leváronse a cabo as avaliacións dos ditos plans, con dous obxectivos fundamentais: coñecer, por un lado, o grao de execución das accións previstas e, por outro, as actividades que foran levadas a cabo para o seu cumprimento por parte dos distintos órganos da Administración xeral do Estado.

1º Plan para a igualdade de oportunidades das mulleres 1988-1990

O I PIOM presentouse ao Consello de Ministros en setembro de 1987 e supoñía unha estratexia política para mellorar a situación social das mulleres a través de 120 medidas agrupadas en seis áreas: Igualdade no ordenamento xurídico; familia e protección social; educación e cultura; emprego e relacións laborais; saúde; cooperación internacional e asociacionismo.

Este primeiro plan fíxose seguindo o modelo dos programas para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres da Comunidade Europea, á que España se incorporou en 1986. Os estudos realizados neste tempo foron o fundamento das medidas de acción propostas no primeiro plan.

2º Plan para a igualdade de oportunidades das mulleres 1993-1995

O II PIOM tivo como finalidade básica a adopción de medidas para avanzar desde a igualdade formal cara á igualdade real, isto é, a promoción e o desenvolvemento de medidas de acción positiva, principalmente, nos ámbitos da educación, da formación e do emprego.

As 172 actuacións específicas deste segundo plan poden considerarse medidas políticas postas en marcha co fin de conseguir os cambios estruturais que lles permitisen ás mulleres o seu libre desenvolvemento e unha participación activa no mundo da cultura, do traballo e da política.

3º Plan para a igualdade de oportunidades das mulleres 1997-2000

O III PIOM supuxo a introdución do principio de igualdade en todas as políticas do Goberno e a promoción da participación das mulleres en todas as esferas da vida social, co fin de que se convertesen en axentes copartícipes da toma de decisións, dado que, sen a súa participación, é imposible acadar os obxectivos de igualdade e desenvolvemento. Neste plan asúmense os compromisos adquiridos da plataforma de acción aprobada na IV Conferencia Mundial das Mulleres de Beijing, así como as orientacións do IV Programa de acción comunitario.

4º Plan para a igualdade de oportunidades das mulleres 2003-2006

O IV PIOM, baseado nas directrices marcadas pola Estratexia Marco Comunitaria sobre a Igualdade entre Homes e Mulleres (2001-2005), buscaba potenciar o mainstreaming de xénero, promovendo, naquelas áreas onde fose preciso, políticas específicas de igualdade de oportunidades, é dicir, accións positivas.

A creación da Secretaría Xeral de Políticas de Igualdade e a aprobación da Lei orgánica para a igualdade efectiva de mulleres e homes e do Plan estratéxico de igualdade de oportunidades 2008-2011

Na VIII lexislatura, que comezou en marzo do 2004, o Goberno socialista fixo unha aposta por acometer a implantación da igualdade en todos os ámbitos da sociedade, comezando coa conformación dun gabinete paritario e a creación da Secretaría Xeral de Políticas de Igualdade dentro do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, á que se adscribiu o Instituto da Muller.

A Secretaría Xeral de Políticas de Igualdade foi a unidade administrativa que, canda o Instituto da Muller, impulsou a aprobación das dúas leis máis significativas desta lexislatura: A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para facer efectiva a igualdade de mulleres e homes (LOIEMH).

Sen dúbida, ambas as leis foron as de maior alcance no desenvolvemento do dereito á igualdade de trato e de oportunidades das mulleres en España ata este momento, ademais de ser unhas iniciativas pioneiras dentro do marco lexislativo dos países da Unión Europea, dado que establecen de forma xeral a introdución do principio de igualdade de trato de mulleres e homes en todas as estruturas da sociedade.

Las políticas de igualdade ao máis alto nivel: O Ministerio de Igualdade

Na lexislatura que comezou en 2008, creouse o Ministerio de Igualdade, ao que se adscribiu o Instituto, a través da Secretaría Xeral de Políticas de Igualdade, correspondéndolle a proposta e execución das políticas do Goberno en materia de igualdade, a loita contra toda clase de discriminación e contra a violencia de xénero.

Posteriormente, e por motivos de austeridade, o Ministerio pasou a ser Secretaría de Estado de Igualdade, e a depender do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade. Tras a reestruturación administrativa de decembro do 2011 e, a través do Real decreto 200/2012 do 23 de xaneiro, pola que se creou a nova Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, asignóuselle a dirección do Instituto á Dirección Xeral para a Igualdade de Oportunidades.

W3C. Abrirase nunha fiestra nova