No contexto da nosa sociedade actual, na que a produción e a transmisión da información xoga un crecente papel no artellamento da vida económica, social, cultural e política, as exposicións configúranse como unha das manifestacións culturais que, mediante a utilización de soportes tradicionais e tamén de novas tecnoloxías, permiten a transmisión e a difusión de mensaxes que poden modificar positivamente actitudes e comportamentos da cidadanía.>
Consecuentemente, un organismo como o Instituto da Muller, preocupado por incidir en actitudes e comportamentos que favorezan a plena igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, veu utilizando este sistema de comunicación, difusión e sensibilización, a través das súas exposicións itinerantes.
O Instituto da Muller elabora novas exposicións e programa a súa itinerancia anualmente, non só polas diferentes comunidades autónomas, senón tamén por algúns dos países do noso contorno comunitario e terceiros países, atendendo deste xeito as demandas de entidades públicas e privadas, tales como organismos de igualdade, concellos, deputacións, universidades e institutos, asociacións, organizacións profesionais e sindicais, fundacións, etc.
O obxectivo é difundir as actuacións encamiñadas a mellorar e incrementar o coñecemento da situación das mulleres en ámbitos como o laboral, o social, o educativo, o económico, o político e o cultural. Desta forma quérese contribuír e estimular o debate e a reflexión que impulse a busca de novas alternativas. Así mesmo, con estas exposicións inténtase fomentar unha imaxe das mulleres máis positiva e actual que reverta nunha sociedade máis xusta e igualitaria entre ambos os sexos.